Sunday 05 de May de 2024

A partir do vindeiro luns o Plan de Transporte Metropolitano entrará en funcionamento no Concello de Ordes


As tarxetas de pago poderán adquirirse a partir de mañá martes nas oficinas de Abanca situadas en Alfonso Senra e O Recreo por 2 €

Os veciños e veciñas de Ordes beneficiaranse a partir do vindeiro luns, 14 de setembro, dos descontos do Plan de Transporte Metropolitano tanto na área metropolitana da Coruña como na de Santiago. As tarxetas de transporte metropolitano xa estarán dispoñibles mañá martes nas oficinas de Abanca locais, situadas tanto na avenida Alfonso Senra como na rúa O Recreo. Deste xeito calquer veciño ou veciña de Ordes poderá desprazarse ata A Coruña ou Santiago por 2,24 € e 1,30 € respectivamente.

Con este novo paso ultímase o dispositivo para a posta en marcha do programa de transporte público impulsado pola Xunta de Galicia. Os dispositivos de pago, cun prezo bonificado de 2 euros, poderán adquirirse sen necesidade de ter unha conta asociada, só presentado o DNI, e funcionan como tarxetas moedeiro que deberán recargarse nas oficinas ou nos caixeiros.

O portal web do Transporte Metropolitano de Galicia, http://tmg.cmati.xunta.es/, ofrece unha detallada explicación do seu funcionamento e das súas vantaxes, incluíndo os cambios que supón en canto ao abaratamento das viaxes e a bonificación dos transbordos.

Ethel Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, explicou que os usuarios do transporte metropolitano co emprego da tarxeta acadarán descontos de entre o 30 e o 50%. Vázquez destacou que estes importantes aforros suporán unha mellora directa para os cidadáns, que é o que buscan a Xunta e os Concellos con estes acordos.

Un millón e medio de beneficiarios

A responsable de Infraestruturas subliñou que con estas incorporacións, o transporte metropolitano de Galicia chegará a preto dun millón e medio de persoas. Ethel Vázquez concretou que se trata dun plan de éxito contrastado ao rexistrar un millón de desprazamentos cada mes nas cinco áreas nas que está operativo, unha cifra que supera un 35% superior que a do ano 2011.

A conselleira destacou que este sistema de transporte público colectivo ofrece aos veciños beneficios sociais, ambientais e económicos, tres aspectos clave na promoción dunha mobilidade propia do século XXI.

TARIFAS

Segundo o número de saltos definidos entre a zona de orixe e a zona de destino da viaxe así será o custo da viaxe. Para facilitar a comprensión do sistema facilitamos 3 táboas. Na primeira pode consultar o número de saltos que ten a súa viaxe, tendo en conta a zona de transporte de orixe e a de destino. No segundo recadro pode consultar o prezo da súa viaxe, que dependerá do número de saltos que teña e de se paga en efectivo ou coa tarxeta metropolitana. Finalmente, no terceiro recadro, pode ver o tempo do que dispón na súa viaxe para realizar o transbordo con carácter bonificado.

Na área de Santiago o tempo que pode transcorrer entre os trasbordos para poder beneficiarse dos descontos que propicia a compra da tarxeta son de 60 minutos no caso de que o número de saltos sexa entre 0 e 1, de 75 minutos se o número de saltos son 2 e, por último, de 90 minutos se o número oscila entre os 3 e os 6 saltos. Na área da Coruña será de 60 minutos se hai entre 0 e 1 salto, 75 minutos no caso de 2 saltos e de 90 minutos se son entre 3 e 10 saltos.